SAÚDA DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Salvador Fernández Moreda

Como cada ano, a parroquia de San Miguel de Sarandón, no concello coruñés de Vedra, acolle o segundo domingo de abril a tradicional Festa  de exaltación do viño da Ulla, que chega este ano á súa XXX edición consolidándose como o mellor escaparate para promocionar os viños desta fermosa comarca, e como unha ocasión singular para degustalos na súa terra de orixe.

Esta festa, en cuxa organización colaboran activamente os viticultores da comarca e os veciños de Sarandón, xa conseguiu nestes trinta anos de historia fitos importantes como integrar aos caldos aquí producidos dentro da Denominación de Orixe “Rías Baixas”, como subzona Ribeira do Ulla, o que contribúe a prestixiar e popularizar os viños destas terras.
O desenvolvemento do sector vitivinícola da Ulla é un feito innegable que debe encher de orgullo aos empresarios e traballadores do sector e que supón ademáis un compromiso firme dos produtores coa calidade dos caldos que aquí se elaboran, de xeito que o produto sexa cada vez mellor, máis valorado e apreciado polos consumidores. Por iso quero felicitar a todos os que participan neste proceso, a todos os que, co seu traballo, veñen mellorando a calidade dos viños durante todos estes anos e animalos a seguir traballando nesta liña.
Milleiros de visitantes daranse cita en Vedra o 11 de abril para degustar os mellores viños destas terras máxicas vertebradas polo río Ulla, acompañadas das delicias gastronómicas máis tradicionais da nosa terra como polbo ou empanada. Espero que a cita sirva como pretexto para xuntar a familiares e amigos e para que os que nos visiten descubran a excelencia destes viños, avalada polos máis elevados niveis de calidade na súa produción e pola longa tradición vitivinícola desta comarca, transmitida de xeración en xeración.

Salvador Fernández Moreda

Presidente da Deputación da Coruña

Programa da Festa

Xornadas Técnicas

Galería Fotográfica